A conquista do norte do Cáucaso polo Imperio Ruso a mediados do séc. XIX forzou a unha chea de pobos da rexión a abandonar as súas terras e a reasentarse no Imperio Otomano. Centos de miles de chechenos, circasianos, ingushes... establecéronse por toda a xeografía do Imperio e convertéronse en leais servos de Constantinopla.
Logo da fundación da República de Turquía e a independencia de Siria e Xordania tanto chechenos como circasianos mantiveron unha importante relevancia nos países nos que viven, obtendo unha gran influencia política e social nas súas sociedades e mantendo viva a identidade e memoria colectiva de cadanseu pobo a centos de kilómetros do Cáucaso.
Os chechenos son unha das moitas nacións que habitan os vales e montañas do Cáucaso norte, e con certeza son os máis famosos destes pobos, aínda que sexa por levar desde hai décadas sufrindo guerras, deportacións, terrorismo e represión, porén, a nación chechena é moito máis que un pobo de afoutos e feros guerreiros.
A sociedade chechena actual forxouse nunha sucesión de traumas, as catastróficas guerras nas que tentou resistir o avance do Imperio Ruso no século XIX, a deportación de toda a nación a Asia Central durante a 2ª Guerra Mundial e as guerras pola independencia do país nos 90s e 2000s e o xugo da represión exercida polo clan dos Kadyrov, coa bendición de Moscova.
Os xudeus e os saxóns, ou alemáns, sempre foron comunidades moi importantes en Romanía e en Transilvania en concreto.
A pesar das mortes acontecidas durante a 2ª guerra mundial, especialmente o holocausto, e máis as migracións e deportacións sucedidas logo desta, durante o período comunista do país tanto a comunidade hebrea como a alemá tiñan unha forte vitalidade e centos de miles de membros.
Con todo, o réxime comunista romanés empregou esta poboación dunha maneira ben ruín: "vendeu" ducias de miles de individuos co fin de mellorar as súas relacións coa República Federal de Alemaña e Israel, e por tanto con Occidente á vez que obtiña divisas e outros beneficios materiais, que habitualmente acaban no peto dos Ceaușescu.
En Europa occidental Transilvania é sinónimo de vampiros, monstros, misterio... e tamén debería ser de diversidade étnica.
Na rexión de Transilvania viviron durante moitos séculos varios pobos que lle deron a súa específica personalidade. Saxóns, xudeus, xitanos, húngaros, sículos, romaneses... formaron parte dun mosaico étnico no que certas etnias tiñan máis poder político e económico que outras. Unha rexión pola que diversos estados loitaron e que cambiou de mans varias veces no século XX.
Hoxe, logo de xenocidios, deportacións e a venda ó por maior de xudeus e saxóns, Transilvania aínda é o fogar da importante minoría maxiar do país.
Nos territorios da República Checa, e antano de Checoslovaquia viviu durante séculos unha importante poboación xermana, que no período de entreguerras chegou a ser case un cuarto da poboación total checoslovaca.
A pesar de teren unha serie de garantías e dereitos colectivos, nos anos 30 boa parte desta poboación apoiou posturas irredentistas e ó partido pro-nazi, e celebraron a incorporación dos seus territorios ó III Reich.
Con estes vimbios, o goberno checoslovaco da postguerra decidiu expulsar á gran maioría destes alemáns e expropiar os seus bens, repoboando o territorio con checos e eslovacos, un castigo colectivo que aínda ten efectos hoxe e que deixou traumas nas sociedades alemá e checa.
Moravia é unha das tres rexións históricas que forman parte da República Checa e a pesar de que o país é centralista e relativamente homoxéneo, desde hai moitos séculos existe unha identidade local coa que se identifican centos de miles de moravos.
Moravia sempre tivo institucións propias e foi unha entidade autónoma de Praga (e máis de Viena), aínda así, os moravos loitaron canda os seus compatriotas bohemios pra lograren a independencia do país e a normalización da lingua checa, durante séculos minorizada polo idioma alemán.
Hoxe, a nación checa ten un estado de seu, do que os moravos se sinten como unha parte substancial, mais con todo demandan o recoñecemento e visibilidade da súa cultura e identidade e a autonomía pro seu milenario país moravo.
Por todo o continente europeo hai moitas bisbarras recónditas, unha delas é tan remota que mesmo leva a súa condición no nome: Ágrafa, que en lingua grega significa sen rexistrar.
Esta comarca tivo unha historia singular, ó ser tan inaccesible nin os emperadores nin os sultáns constantinopolitanos tiveron a vontade (nin a necesidade) de dominar este territorio, que durante séculos viviu nun espléndida e orgulloso illamento e foi un dos poucos territorios gregos fóra da órbita do poder otomán ou veneciano.
Hoxe, Ágrafa xa está nos mapas, aínda que como calquera outra zona de montaña ten que facer fronte ós retos do despoboamento e o cambio climático.
Bélxica é o país do surrealismo e iso tamén se reflexa nas súas fronteiras, por exemplo na Vennbahn, unha liña de tren en Alemaña pero de soberanía belga.
Esta "curiosidade" xeográfica xurdiu logo da primeira Guerra Mundial, creando varios exclaves alemáns que aínda existen hoxe e que durante décadas estiveron isolados do resto do país.
A pesar de ser un sarillo fronteirizo e de que a liña de ferrocarril deixou de ser operativa hai décadas a Vennbahn continua a ser territorio belga, aínda que teña soamente un uso turístico.
As comunidades xudías da península Ibérica foron aniquiladas despois das expulsións de finais do século XV, varios pogroms e a represión da Inquisición durante décadas pra esmagar calquera práctica cripto-xudaica.
Porén, no interior de Portugal perviviu unha comunidade hebrea en segredo até hoxe: Os xudeus de Belmonte. Nesta vila da serra da Estrela ducias de familias practicaban a súa fe xudía na clandestinidade, desenvolvendo unhas prácticas propias co fin de gardar o seu gran segredo, seren a última comunidade hebrea practicante na península.
Os xudeus de Belmonte só foron descubertos a comezos do século XX cando un enxeñeiro vindo de Europa Central, Samuel Schwartz entrou en contacto coa comunidade. Hoxe estes xudeus, e a vila de Belmonte comparten con orgullo esta historia de perseveranza.
A relación de Groenlandia coa Unión Europea é ben especial. Entrou na predecesora desta organización internacional nos 70s contra a súa vontade canda Dinamarca, e nos 80s abandonou as Comunidades Europeas despois dun referéndum.
A pesar disto, o país acordou con Bruxelas un status que lle permite participar en programas, recibir fondos e ficar dentro do espazo arancelario. Nos últimos anos, á vez que a relevancia de Groenlandia medra canda a dispoñibilidade dos seus recursos, a UE tenta aumentar a súa influencia na illa.
Groenlandia está cada vez máis quente, literal e metaforicamente e isto abre unha chea de oportunidades e incógnitas pra poboación local.
Durante o pasado milenio varios pobos do continente americano e europeo pasaron polo país, tentando adaptarse ás duras condicións do Ártico, mais só un puido sobrevivir e prosperar, o pobo inuit, unha etnia indíxena desas latitudes que a partir do século XVIII e até practicamente onte sufriu a agresión colonizadora do Reino de Dinamarca.
Hoxe, gañada unha importante autonomía ó longo das últimas décadas, a gran maioría da poboación apoia a independencia da illa.
O pobo sefardí ten a súa orixe na península ibérica, de onde fuxiron no final da idade media, e sobre todo a partir do 1492 pra asentarse por todo o Mediterráneo.
Moitos destes sefardís simplemente cruzaron o estreito onde se asentaron en cidades como Tánxer, Tetuán ou Larache. Durante séculos prosperaron e foron reprimidos, e desenvolveron unha cultura de seu con elementos ibéricos, hebreos e máis magrebís, e mantiveron a lingua, a rama occidental do djudeo-espanyol, o haketía.
No século XX, a gran maioría dos sefardís do Maghreb abandonaron a súa rexión pra migrar a Israel, Estados Unidos, España ou Venezuela. Hoxe, a comunidade esfórzase por conservar o seu patrimonio material e inmaterial, comezando pola súa fala.
Os sefardís son os xudeus procedentes da península Ibérica, que a finais do século XV foron desterrados ou obrigados a convertirse ó catolicismo.
Durante séculos desenvolveron unha cultura de seu, diferente á dos xudeus de Europa oriental e Medio Oriente, misturando elementos hispánicos, hebreos e dos países onde se asentaron e mantiveron até hoxe a lingua djudeo-espanyola.
Logo de instalarse nos Balkáns, no Maghreb e Medio Oriente prosperaron, sufriron represión e progromos, o holocausto e formaron parte da creación do estado de Israel e moitos hoxe retornan a Sefarad, a terra dos seus devanceiros.
Os gregos do mar Negro chegaron a territorio controlado por Moscova en diferentes vagas durante os séculos XVIII-XIX e XX debido a migracións económicas e provocadas por conflitos e limpezas étnicas en Anatolia.
Coa chegada do comunismo a estas latitudes esta Hélade adaptouse a esenovo sistema político, formando unha nación máis da diversa poboación soviética. Durante 70 anos os gregos pónticos da URSS sufriron represión e deportacións, foron asimilándose á maioría rusa á vez que mantiñan en moitos casos unha identidade grega simbólica.
Trala caída do comunismo moitos destes gregos da URSS voltaron á "nai patria" grega onde tiveron que reinventar a súa identidade.
Os gregos do Ponto son unha sub-etnia que forma parte da nación grega. Desde hai milenios desenvolveron unha lingua, cultura e identidade de seu que espallaron polas costas do mar Negro, e que aínda se mantén viva en Grecia onde a gran maioría dos gregos do Ponto foron reasentados logo do intercambio de poboación con Turquía no 1923.
Aínda así, nos vales e montañas do Ponto existen varios miles de cidadáns turcos que usan a lingua grega póntica, ouromeyka, un idioma que durante milenios evolucionou de maneira diferente ao grego falado no territorio do estado actual.
As relacións entre Iugoslavia e máis Italia non foron especialmente óptimas durante a Guerra Fría. Ao rematar a Segunda Guerra Mundial os dous estados estiveron a piques de entrar en conflito militar para controlar a rexión de Trieste, un territorio cunha poboación mixta, con ducias de miles de eslovenos e italianos e un porto estratéxico.
A solución temporal foi crear un estado novo baixo responsabilidade do Consello de Seguridade das Nacións Unidas: o Territorio Libre de Trieste, unha nova entidade independente que permitiu durante 7 anos manter unha tensa paz nese recuncho do Adriático.
Adentrámonos na súa historia, lingua e idiosincrasia. A pesar de que si está no mapa e de ser un estado independente, que leva 20 anos na Unión Europea, é un exemplo de país que, quitando as últimas décadas, sempre pertenceu a outro estado. E o feito de ser hoxe independente débese tanto a factores internos: ao xurdimento dun nacionalismo potente; como externos: á disolución de dous estados como o Imperio austrohúngaro e Iugoslavia. Durante séculos ou milenios Eslovenia non tiña as mellores cartas pra converterse nun estado independente, pero a finais do século XX foi quen de mudar a súa historia.
As sociedades rurais da península balkánica eran especialmente patriarcais e iso facía que as mulleres os dereitos e liberdades das mulleres fosen ben reducidos. Non tiñan nin voz nin voto nas decisións da familia ou do clan nin herdar. Nos casos nos que nunha familia non había un home que exercese de cabeza de familia, unha muller non casada podía converterse socialmente nun home tras xurar manter a súa virxindade e celibato, cortar o pelo e vestir con roupas masculinas.
Esta práctica foi esmorecendo durante o século XX e XXI, porén, nas montañas do norte de Albania aínda existen arredor dunhas 10 burrneshas, virxes xuramentadas que son recoñecidas socialmente como homes, e como tal gozan dos privilexios de seren as patriarcas das súas familias.
Durante a súa historia Lituania sempre foi unha terra cunha ampla diversidade e os tártaros de Lipka foron e son seguramente dos pobos máis exóticos que conformaban a sociedade do país.
Despois de séculos habitando as chairas hoxe compartidas entre Polonia, Bielorrusia e máis Lituania, os tártaros de Lipka están ben integrados en cadansúa sociedade, mantendo cultura, tradicións e relixión, e sendo vistos como unha minoría leal e exemplar, que ao longo da historia de Polonia e Lituania sempre participou nas loitas pola soberanía e independencia destas.
Nos vales alpinos entre Francia e Italia vive unha pequena comunidade relixiosa cristiá que durante séculos sufriu a represión de monarcas e papas: os valdenses.
Esta comunidade, xurdida no século XII non comunga con varios dos dogmas do Vaticano como o sacerdocio ministerial ou a existencia do purgatorio, polo que foi declarada herética e perseguida. A pesar de varias campañas de exterminio contra eles lograron subsistir e manter a súa fe até hoxe.